Puntuación: 1.9/5 (44 votos)
—Non vas casar cun rato negro, feo e fraco coma un fiúncho.
Ti tes que casar co máis forte do planeta,
e ese non o é –dixo sinalando cara ao rato.
Desta forma irada reacciona o emperador dos ratos da Cochinchina cando a súa filla, unha preciosa rata branca coma a neve, se presenta da man dun rato gris escuro case negro. Convencido de que o que ten ante el dista moito da súa esixencia, ofrécelle a man da súa pequena ao Sol.
Con todo, o Astro Rei non tardará en convencelo do seu erro. —Non, ho! Eu non son o máis forte... A partir deste momento, o relato inicia un divertido e instrutivo periplo, co que o emperador irá descubrindo que non hai verdades absolutas. A consideración do que é, ou non, fermoso, forte… está suxeita a múltiples miradas, tantas como individuos.
A voda dos ratos é unha reinterpretación dun conto moi antigo. Aparece xa no Panchatantra (lib IV, conto IX; pp. 312-318). Un monxe transforma unha rata en rapariga para levala á casa; cando está en idade de mocear, o monxe fai traer o Sol, o Vento, os Montes, pero ningún é da súa satisfacción porque sempre hai un superior ao anterior. Con todo, cando chega o rato, porque confesa que el pode superalo, a rapaza namórase do da súa especie.
A conclusión á que se chega no Panchatantra é que ninguén pode evadirse da súa condición natural: “Logo de rexeitar por marido ao Sol, ao Nuboeiro, ao Vento e ao Monte, volveu á súa especie; o impulso natural é invencible" (p. 318), tal e como lle sucede finalmente aos dous ratos deste conto.