Puntuación: 1.9/5 (49 votos)
Andaba soa polo prado.
Remoía noite e día, día e noite.
Todos estaban preocupados:
—Se segue así de revirada…
a vaca Condesa vai perder a cabeza!
Alarmados pola situación, todos os amigos da vaca Condesa se reúnen e deciden elixir o merlo como interlocutor e que sexa el quen lle pregunte cal é o motivo da súa aflición:
—É que me picou no cu o tabán, o moi salvaxe… revélalle enfadada.
Achado o problema, a solución aventúrase rápida. Non é así. A partir deste momento comeza unha concatenación de causas coas que se descobre por que a vaca Condesa non lle dá ao rabo, non dá leite, non fai bostas grandes para facer esterco…
O ecosistema está composto por unha serie de elos (os seres vivos). Todos están interconectados entre si e co medio natural. Se un deixa de cumprir a súa función, o equilibrio e a cadea rompen.
E isto é o que lle recordan á vaca Condesa os personaxes que acoden a resolver as súas queixas: o tabán pícaa, o pastor non a mira e só moxe a ovella, o can Canelo non deixa de ladrarlle… No entanto, existe un motivo que subxace como orixe principal da súa apatía.
As intervencións do tabán, a ovella, o granxeiro Brais e o can Canelo, axudarán a coñecer o que lle ocorre á protagonista. Con todo, son especialmente claves na historia os paxaros.
Nos contos, as aves adoitan simbolizar a liberdade e tamén a axuda. Así, neste relato o merlo é o primeiro en armarse de paciencia e atreverse a preguntarlle á vaca Condesa o que lle ocorre.
Pola súa banda, o cuco é quen advirte o que verdadeiramente lle preocupa. Grazas á súa perspicacia desenmascárase que a nosa protagonista máis que enfadada, estaba triste:
—Non te lamentes, Condesa! Xa brúas, dás leite e turras.
A que vén esa cara?
Os contos non só estimulan a fantasía, senón que cumpren unha función terapéutica porque axudan a canalizar os sentimentos. Cando o neno le ou escoita que, por fin, a vaca sorriu, xa que necesitaba aloumiños coma todos de cando en vez, poderá de súpeto recoñecerse a si mesmo ou recoñecer esta urxencia de afecto no outro e, como nesta historia, resolvelo.
Este é un relato sobre a importancia do afecto: o dun cara a si mesmo e o da nosa contorna. Ambos son imprescindibles.
[Presentación editorial]