Puntuación: 1.8/5 (44 votos)
Oso vivía no bosque.
O que máis lle gustaba era andar de paseo,
botar unha soneca ao pé do lago
e coleccionar cousas que atopaba entre as árbores.
Un día apareceu un ganapán no alto dunha rama.
—Que podería facer con isto?
As aparencias enganan. Ao contrario do que poida parecer, nada teñen que temer as bolboretas deste dispositivo —tan utilizado por coleccionistas para cazalas co obxecto de disecalas— nin de que este caia en mans dun oso cun enorme fociño.
Do mesmo xeito que na súa primeira colaboración con OQO (Pilú Pilú!) Susanna Isern volve deleitarnos cun personaxe entrañable, a quen de ningunha maneira se lle pasa pola cabeza engadir as bolboretas a súa colección de obxectos nin tampouco a súa dieta. Todo o contrario: usa o ganapán para salvalas cando caen ao lago e o seu grande nariz para que se sequen rápido e poidan volver mover as ás.
“Unha tarde de verán, cando o meu fillo maior tiña tres anos, contoume que rescatara unha bolboreta do mar e que a puxera sobre unha roca para que se lle secasen as ás. Pareceume moi tenro e axiña naceu unha historia na miña cabeza”, revela a autora sobre a orixe.
Oso Atrapabolboretas é, en esencia, un libro sobre a bondade: a inclinación natural do protagonista cara ao ben é indiscutible: protexe dun modo admirable as bolboretas por iniciativa propia e sen esperar nada a cambio.
É tamén unha tenra historia sobre a amizade: a que nace entre Oso e a enorme bolboreta, Branca, quen o acabará rescatando non só do lago senón tamén da súa soidade.
Pasaban moito tempo xuntos. A ela encantáballe facerlle cóxegas nas orellas e xogar ás agachadas. A el gustáballe contarlle historias secretas do bosque e soprarlle suavemente nas antenas.
Se quen sementa ventos, recolle tempestades; quen reparte xenerosidade e bondade —coma Oso— debe recibir, como mínimo, agradecemento. Ademais, segundo nos lembra un vello dito popular: “coitas e camiños dannos amigos”.
[Presentación editorial]