Puntuación: 2.3/5 (50 votos)
“O artista que pintou un cabalo azul” é unha homenaxe ao pintor alemán Franz Marc (1880-1916), precursor do expresionismo. O seu cadro “Cabalo Azul I” serviu de inspiración para este libro de Eric Carle, que descubriu a obra deste pintor a través do seu profesor de arte, Herr Krauss, cando o réxime nazi prohibía a creación e a difusión desta vangarda pictórica e cultural. Precisamente, o gusto de Eric Carle pola cor en todas as variedades, tonalidades e texturas posibles, é froito desta influencia.
Trátase dun libro para prelectores e primeiros lectores que, a partir dun texto moi simple, vanse familiarizando con toda a gama cromática. Ademais, como se representa unha ampla sucesión de animais domésticos e salvaxes, pintados con formas, trazos e cores pouco convencionais, este álbum non só contribúe a reforzar a imaxinación, senón tamén a transmitir a importancia da liberdade creativa. Ao mesmo tempo que se lle achega ao público a figura do artista, tamén se introducen nocións de Arte e de Historia que lles interesan aos lectores de todas as idades.
“O artista que pintou un cabalo azul” ten un trasfondo autobiográfico: Eric Carle retrátase como un ilustrador que non se cingue estritamente á realidade, mostrándose orgulloso de practicar un estilo característico que o distingue.
[Presentación editorial]