Viaxo feliz dentro desta nave. TUM-TUM…TUM-TUM.
É o son dos motores. Non teño compás nin mapas para guiarme. Un día abrín os ollos e estaba aquí, viaxando para algunha parte.
Como cheguei á miña cápsula? Non me lembro… Onde vou? Non sei…
Que supón nacer? A miña primeira viaxe é a historia do comezo da vida humana narrada en primeira persoa polo protagonista: un bebé no ventre materno. Un bebé que viaxa dentro do que el percibe como unha cápsula na cal percorre un universo descoñecido. Sabe que iniciou unha viaxe pero non sabe cara a onde. Dentro desa nave, o latexo do corazón da nai, que interpreta como son de motores, dálle seguridade.
A través dunha linguaxe onírica e poética, o lector vai acompañando o bebé e facendo súa esa viaxe de transformación, de procura da súa propia identidade: “Non son paxaro. Non son peixe. Non sei moi ben que son”, percibindo con el a interpretación dun mundo que non ve, que só lle chega a través “dun río que o baña nas súas historias”. [Presentación editorial]