Puntuación: 1.9/5 (111 votos)
Valentín Paz-Andrade (1898-1987), a figura que a Real Academia Galega elixiu para protagonizar o Día das Letras Galegas do 2012, fixo nos anos que precederon a súa morte un amplo repaso da traxectoria vital que o converteu en home clave na historia do século XX galego. O fío condutor foron as preguntas dunha entrevista do xornalista Tucho Calvo.
No longo diálogo narra as vivencias de quen tivo unha presenza sobranceira non só na política galega, senón tamén na cultura e no mundo empresarial; viaxeiro incansable que mantivo vivas as relacións co exilio galego; poeta, avogado e xornalista que dirixiu nos anos vinte o diario Galicia e, ata a súa monte, a que hoxe é decana mundial das revistas do sector pesqueiro, Industrias Pesqueras; impulsor de Pescanova; técnico da F.A.O. que xa en 1960 alertou dos perigos das 200 millas para as frotas españolas; perseguido e represaliado na posguerra; membro da «Comisión de los diez» que negociou a transición co Goberno da UCD e senador por Pontevedra nas Cortes Constituíntes.
A autobiografía de Valentín Paz-Andrade lémbranolo na II Asamblea Nazonalista (1919); a escribir crónicas desde a guerra de Marrocos (1921); no cárcere durante a ditadura de Primo de Rivera; no episodio en que salva a vida en 1931 grazas a un pucherazo que o deixou sen acta, e no nacemento do Partido Galeguista; sobrevivindo no 32 a un atentado en Vigo; cando volve zafar da morte no 36, primeiro porque non lle publican un artigo que o deixaría condenado ante os golpistas, e despois porque foxe nun episodio novelesco no seu desterro de Verín; ou encarcerado no 57 por un artigo en Industrias Pesqueras.
[Contracapa do libro]