Puntuación: 1.9/5 (50 votos)
Un libro-cd que reúne un fermoso relato da natureza coas imaxes coloristas do recente Premio Nacional de Ilustración e a a interpretación dunha das mellores violinistas internacionais.
O esquío estaba marabillado. Correu dun lado para outro no céspede mol, gabeou polas árbores rozándose cos gromos e, dende o máis alto, chamou os demais esquíos: «Saíde, axiña, chegou a primavera»...
“As catro estacións”, de Antonio Vivaldi (Venecia, 1678-Viena, 1741), é unha das mellores composicións da música barroca.
Precoz mestre de violín, o seu virtuoso creador chegou a compoñer 600 concertos, 100 óperas e numerosas pezas para instrumentos. Inspirándose nesta obra, José Antonio Abad presenta un relato bucólico ambientado nun bosque, onde describe os cambios estacionais: a primavera co seu traxe de flores, o sofocante calor do verán, a chegada
do outono cando as árbores lle regalan ao vento a súa follaxe, e a choiva de confeti branco do inverno.
A fauna e a flora, a presenza humana, e o ciclo da natureza marcan o texto literario, que destaca pola súa elegancia formal e pola capacidade para transportar o lector ata ese paraíso imaxinario que Emilio Urberuaga ilustra con cores vivas e intensas, instantes capturados para deleitar a retina.
A interpretación de Sarah Chang é a banda sonora ideal para vibrar coas emocións e sensacións deste álbum.
[Presentación editorial]