Puntuación: 2.2/5 (79 votos)
Atiq Rahimi é un escritor e cineasta nacido en Afganistán en 1962. Estudou no Liceo franco-afgán de Kabul, a súa cidade natal, onde tamén cursou estudos de literatura na universidade. Nos anos 80 saíu do seu país por mor da guerra e refuxiouse en Paquistán. Posteriormente pediu asilo político en Francia, onde obtivo o doutoramento de comunicación audiovisual da Sorbona. Na actualidade vive e traballa en París.
É tamén autor de dúas novelas en persa. Pola adaptación cinematográfica dunha delas, Terra e cinzas, foi premiado en 2004 no Festival de Cannes.
“Nalgún lugar en Afganistán ou noutro sitio calquera”, así sitúa o autor este relato que ten como protagonista unha muller oprimida pola relixión, o matrimonio e a sociedade. Nunha cidade tomada polos tanques, vive entregada ao coidado do seu home, un heroe da Guerra Santa en estado vexetal, que converte na súa sangué sabur, na súa pedra de paciencia, unha pedra máxica que escoita as mágoas de quen llas quere confiar. Un día tras outro, a muller vai confesando o inconfesable, liberándose da súa dor, mesturando frustración con tenrura, pasado con presente.
Nesta súa primeira novela en francés, pola que recibiu o Premio Goncourt, Atiq Rahimi denuncia, cunha prosa austera pero non exenta de lirismo, o fanatismo, a violencia e o sometemento da muller.
[Presentación editorial]