Puntuación: 2.1/5 (47 votos)
Francis Scott Fitzgerald (1896-1940) é un dos integrantes da chamada Xeración Perdida americana, da que tamén forman parte novelistas como William Faulkner, John Steinbeck e Ernest Hemingway. En 1917 Fitzgerald enrolouse no exército, onde escribiu Neste lado do paraíso (1920), novela que o faría millonario. A súa vida estivo marcada polo seu matrimonio con Zelda Sayre, unha “top girl”, segundo expresión do propio Fitzgerald, amante do luxo e da alta sociedade. Ela sería a súa inspiración para crear todas as mozas douradas que aparecen nas súas novelas
Fermosos e malditos (1922),
O Gran Gatsby (1925) e
Suave é a noite (1934).
O jazz é a música que sempre soa de fondo nas novelas e relatos de Francis Scott Fitzgerald. É o ritmo dos decadentes anos 1920, unha época que o autor definiu como a Era do Jazz. Nesta atmosfera móvense os heroes e as heroínas dos seus relatos, seres que destacan pola súa atractiva personalidade e por estaren absolutamente condenados. Son personaxes que, antes de apagarse para sempre, refulxen por un intre con grande intensidade.
Dono dunha prosa exquisita e un estilo sedoso, Fitzgerald escribiu máis de 150 contos ao longo da súa vida, pero só reuniu en forma de libro unha terceira parte deles. Este volume inclúe relatos como
“O curioso caso de Benjamin Button”, que coñeceu en 2008 unha versión cinematográfica dirixida por David Fincher, e tamén o que está considerado como o seu mellor conto:
“O diamante tan grande coma o Ritz”.
[Presentación editorial]