Puntuación: 2.1/5 (49 votos)
Naquela época todos os paraugas eran de cor negra, parda ou, se acaso, azul de Prusia ou verde escuro.
Así que, cando na fábrica apareceu aquel paraugas amarelo, todo o mundo ficou pampo.
Un paraugas de semellante cor non estaba previsto
na programación nin nos catálogos nin nos pedidos...
Nunha cidade gris e con xente gris, o operario dunha fábrica de paraugas comete a ousadía de saltar as normas establecidas e fabricar un paraugas amarelo malia que o que se leva son os paraugas de cor negra, marrón, verde e azul escuro.
O relato de Joel Franz Rosell reivindica, pois, a liberdade e a creatividade fronte á rutina e ás convencións impostas. Fala tamén da disxuntiva entre satisfacer os nosos soños persoais e a posibilidade de serlles útiles aos demais; o paraugas humanizado que protagoniza este conto non aspira a un destino diferente do de calquera outro paraugas: mollarse coa chuvia. Quedar exposto nun escaparate, agardando a que algún cliente se fixe nos obxectos de saldo dun tendero anodino, é unha terrible frustración. Pero cando se lle ofrece a oportunidade de encher de cor e de ledicia a vida de moitas persoas, o paraugas amarelo segue arelando o seu simple soño de protexer cabezas baixo as nubes.
As ilustracións de Giulia Frances Campolmi reflicten o ánimo do paraugas amarelo: a triste estadía na tenda, o humor,o colorido, a diversión e a fantasía da súa faceta de artista. Destaca o lirismo do texto -“os orballos primaverais, as bategadas do verán, os trebóns outonais e os chuvascos do inverno”- e o tratamento cromático das imaxes, que recrean o ambiente urbano a base de tons grises nos que contrasta “un pequeno sol que resplandece no medio da chuvia”.
[Presentación editorial]