O viaxeiro destas páxinas é deses tipos pouco dados a conxugar en primeira persoa heroísmos e bravuras. No canto das xeografías da anaconda, o tigre ou as moscas tse-tse prefire a máis modesta, é un dicir, da centola. Así emprende a viaxe a unha terra mítica, que el quere despoxada de calquera clase de verniz espiritual: non se trata dun Xacobeo bis. Mais non por iso deixa fóra da mochila as preocupacións dunha alma que, ante as paisaxes do Atlántico, combina un agarimo infinito cun sentido crítico encirrado polas desfeitas do feísmo. Con todo, o que á fin prevalece é a proximidade á xente, a curiosidade polo lendario e un cultivo case obsesivo da memoria (colectiva e individual), ademais da ambición, nunca menor, de dar unha imaxe do tempo que vai pasando. Deste xeito trázase o rumbo dunha viaxe que será tamén a de cada lector. Con cita en Fisterra. [Presentación editorial]