Puntuación: 1.9/5 (53 votos)
Opinaba Cesare Pavese, aló polo ano 1950, nun ensaio publicado en L´Unità de Roma, que os mestres máis inmediatos do novelista, ensaísta e poeta escocés Robert Louis Stevenson foron, sen lugar a dúbidas, Flaubert, Maupassant e Merimeé. Iso quere dicir, apuntaba o gran poeta e novelista italiano, que con Stevenson entra na prosa en lingua inglesa, e acada exótica fascinación, a lección estilística dos naturalistas franceses, a elección da palabra xusta, insubstituíble, o sentido da cor, do son, do matiz esencial, do detalle observado con exactitude e, ao mesmo tempo, a aversión a todo exceso romántico ou sentimental.
Lembremos, con Pavese, que a cultura occidental no tempo de Stevenson (fins do século XIX e principios do XX) atravesou unha crise de desgusto polo ambiente imperante, o que provocou a busca dun paraíso e dunha xustificación. Unha maneira tan boa coma calquera outra de polemizar —de vivir— coa propia sociedade.
O breve e pouco coñecido ensaio de Stevenson Apoloxía dos ociosos é, precisamente, un canto á vida. Nel, o xenial autor desvela os ingredientes esenciais da súa visión vital.
A sabedoría da ociosidade, por exemplo, enfocada á certeza de que non hai deber máis infravalorado que o de ser felices. Ou a ociosidade como concepto revolucionario: se unha persoa non pode ser feliz sen estar ociosa, ociosa ten que permanecer.
Para Stevenson, a ociosidade, que non consiste en non facer nada, senón en facer moitas cousas non recoñecidas nos dogmáticos formularios da clase dirixente, ten tanto dereito a manter o seu lugar como a mesma laboriosidade.
E goza dun camiño inescusable: o que discorre por vieiros pouco frecuentados, que a levarán ata a solaina do sentido común.
[Nota do editor]