Os Apuntamentos de Jakob Littner desde un burato no chan viron a luz en 1948, o que fai da obra unha das primeiras memorias literarias do Holocausto. Tamén resultou ser unha das máis polémicas: orixinalmente presentouse como un texto orixinal de Koeppen, baseado nas reminiscencias que o protagonista, Jakob Littner, supostamente compartira en conversa co editor; anos despois, a raíz da reedición da obra (para entón esquecida), quedou demostrado que Koeppen traballara sobre un manuscrito do propio Littner, que o editor xulgara interesante no contido e deficiente na forma. Sexa como for, os Apuntamentos constitúen un relato poderosísimo da desgraza e salvación dun home que na noite do 9 de novembro de 1938 deixa de ser un reputado filatelista muniqués de vida acomodada para se converter nun xudeu polaco deportado e perseguido pola que sempre considerou a súa patria. Cun estilo sobrio e enganosamente obxectivo nárrase a espiral de horror que conclúe con Littner agochado nun burato no chan grazas á intervención dun aristócrata polaco máis premido pola falta de diñeiro ca polas conviccións nazis. [Presentación editorial]