Puntuación: 2.0/5 (42 votos)
Asuntos de actualidade coma a eutanasia, o racismo, a soidade urbana ou a exclusión dos vellos combínanse con personaxes excéntricas mais ambos e dous, temas e caracteres, abórdanse cunha ollada que revela os seus recantos escuros, eses que ilumina a luz crepuscular baixo a que se coloca este novo conxunto de historias do autor de
'Pan e coitelo'.
Para presentar Contos da terra da tarde, nada mellor que as propias verbas de Bieito Iglesias, que describe deste xeito a súa obra: "Os relatos deste libro debullan un rosario de asuntos trizados pola cachamorra da actualidade: eutanasia, emigración, racismo, soidade urbana, esbarruamento da ruralía, turismo sexual, pederastia, violencias varias, exclusión dos vellos…
No entanto eses e outros temas examínanse desde a ollada de personaxes excéntricas e un tal punto de vista quizais revele recantos escuros, iluminados pola luz crepuscular aludida no título ou —nas distancias curtas— pola luz crúa e lívida de Caravaggio. As anécdotas e a introspección psicolóxica preséntanse nun estuche barroco beneficiado pola lingua vizosa e o diálogo coa tradición literaria ou co cinema. Son contos para interromper a lectura e deixar o lector suspenso a ollar unha mosca invisible".
[Presentación editorial]