Puntuación: 1.8/5 (30 votos)
Unha bruxa de pelo roxo, farta das queixas da súa veciña, decide un día lanzarlle un meigallo terrible e encerrala nunha botella:
Carne de burro, carne de can,
que te leve o furacán!
Por sorte, unha fada do bosque libera a vella do seu encerro e cúmprelle o seu desexo: vivir nunha casiña con horta, vacas e galiñas; pero a desagradecida muller axiña se mostrará descontenta e aspirará a unha vida mellor.
A vella na botella fala de como os desexos poden ser un acicate para cambiar e progresar; pero tamén nos interpela sobre o xeito de xestionalos e alerta das consecuencias da insatisfacción ante o material e da ambición desmesurada.
Con frecuencia queremos algo máis e sentímonos incapaces de valorar o que temos no momento presente. Por esta incapacidade, a vella goza brevemente dos anceios cumpridos e cae de novo na frustración e na queixa. Non importa cantos desexos se lle concedan: ela é incapaz de gozalos. Ao final, quedará atrapada nun deles.
Para completar esta historia, Roberto Mezquita, tomou como referencia varias versións do conto tradicional europeo (nalgúns lugares do estado español coñécese como O pescador e o xurelo máxico), na procura do máis atractivo de cada unha delas, tanto no literario como no referente á creación de imaxes. Finalmente, unha variante inglesa e outra alemá resultaron fundamentais para construír o texto deste álbum.
[Presentación editorial]