Ninguén tiña a Gaspar Soutullo de Batilalas e Combarro por home de bo siso. Algúns dicían que certas quenturas sufridas cando neno lle deixaran como espetada entre as cellas unha eiva que lle privaba rexer ben; outros eran do parecer de que a fonte dos seus males viña de máis atrás, do mesmo nacemento, cando á parteira da Senra lle esborrexera o meniño e esnafrara contra o chan do dormitorio do pazo da Rúa Nova; e el mesmo, Gaspar Soutullo de Batilalas e Combarro, consciente ata certo punto da súa excentricidade, entendía que co aquel do seu nome non se podía ser doutra lei. Aínda así, se nalgunha cousa uns e outros estaban de acordo, era en que un algueiro se lle atravesara nos miolos e non le deixaba caletrar de xeito. [Contracapa do libro]