Conteñen estas páxinas unha aproximación á historia da muller en Galicia durante a época contemporánea, ollada desde varios campos temáticos: o demográfico, o económico, o social e o político. No primeiro, constátase unha gran variedade de comportamentos a nivel local e comarcal, e tamén deixamos patente os dous tipos de mulleres a estudar en relación coa temática migratoria: as que sofren sen protagonismo directo a emigración, e as que participan na mesma. Respecto ao segundo, o papel desempeñado pola muller na actividade económica foi decisivo nun territorio como o galego, caracterizado por unha forte e permanente emigración masculina. No ámbito social incluímos temas como a súa educación, que tivo que facer fronte a innumerables vicisitudes, a sociabilidade de xénero e a pobreza, dentro da que o compoñente feminino é máis que notorio. Finalmente, enfrontamos as dúas imaxes de muller xunto coas súas circunstancias: no século XIX o concepto de «ángel del hogar» considerábase como a figura central á hora de definir o modelo decimonónico de muller ideal; mentres que o século XX trae consigo un novo prototipo de feminidade, representado pola «muller moderna». [Presentación editorial]