Puntuación: 1.7/5 (47 votos)
Sempre se dixo que, se na noite de defuntos hai lúa chea, o primeiro raio da súa luz, alá onde caia, devolveralles a vida aos mortos. Unha vez pasou, e o primeiro que iluminou a lúa foi a leira de millo do señor Evaristo. Bernaldo, cando ninguén o vía, deulles as mazarocas afectadas aos polos que ían cara ao matadoiro.
A partir de entón, aconteceron na vila cousas moi estrañas.
Despois do solpor, os corpos mortos dos pitos, enteiros ou en anacos, paseaban tan pimpantes polas rúas, sementando o temor, o desconcerto e, finalmente, a vergoña entre os veciños.
Nin o carniceiro cos seus coitelos nin o cura cos seus sermóns deron normalizado a situación. Só unha foránea moi particular, feiticeira de galiñas, foi quen de escorrentar os cadáveres viventes, nun claro paralelismo co frautista de Hamelin que desemboca nun final sorprendente.
O humor é a ferramenta máis útil para superar o medo e quitarlles ferro aos temas difíciles (como a morte). O narrador oral Pablo Albo presenta unha disparatada e surrealista aventura de zombis protagonizada pola comunidade avícola dunha vila imaxinaria, Matamala, que forma parte do seu repertorio máis celebrado para mozos e adultos. Esta historia, delirante e irreverente, burla toda convención sobre a vida e o máis alá, para mergullarnos nunha gargallada de inicio a fin.
Pola súa banda, Mikel Mardones propón un orixinal contrapunto da historia. Facendo uso dun estilo moi definido, de gran forza expresiva, co que xa nos sorprendeu en A figueira de Pelostortos e As manoplas de Carapuchiña, o artista vasco recrea unha galería de personaxes inquietantes e disparatados.
En diálogo aberto co texto, Mardones concibe unha ambientación turbadora, cargada de misterio e retranca, na que podemos atopar elementos paratextuais, fóra de contexto, de gran comicidade. O ano que os pitos perderon a cabeza convida, pois, a asumir o reto de perderse nos detalles e descubrir todas e cada unha das chiscadelas coas que o ilustrador agasalla ao lector en cada páxina.
[Presentación editorial]