Puntuación: 1.8/5 (46 votos)
Perico estaba nervioso porque ía ir á escola por primeira vez. Ao cantar o galo,
saltou da cama e, un por un, calzou os cen zapatos, puxo o chapeu, colocou as lentes,
e saíu correndo. Pero... ai! chegou tan tarde que xa se foran todos.
E isto non lle pode pasar a un cempés que queira ser sabio!
O primeiro día de colexio é sempre un momento importante para os máis pequenos, unha nova aventura na que se combina a expectación, o nerviosismo, o afán por descubrir tantas cousas novas... Nesta historia, Perico está ansioso por aprender, pero non é quen de organizar a súa loxística diaria (vestirse, lavarse, calzarse...) para chegar a tempo á escola.
Diante da dificultade, o pequeno cempés decide pedirlle axuda á gata e á araña que, malia lle daren sabios consellos, non conseguen resolver o problema. Finalmente serán as formigas, nas que Perico non confiaba nun principio, as que lle axuden a atopar a solución.
A aventura de Perico, para a contadora e maga Mercedes Carrión, é unha historia de “superación e crecemento persoal”. O protagonista, que xa é sabio desde o momento en que asume o seu problema e decide poñer todos os medios para solucionalo, ten moi claro o seu obxectivo e non desiste no seu empeño. Esa constancia é a que o levará a resolver, grazas á colaboración e o apoio doutras olladas, a dificultade para chegar a tempo á escola.
Logo dunha década circulando como narración oral, a versión en formato álbum conseguiu unha proposta máis “limpa e depurada”, en opinión da autora, unha historia sinxela para os primeiros lectores que garda, con todo, unha segunda interpretación.
Na proposta plástica, Francesca Chessa buscou trasladar a enerxía e perseveranza de Perico, “un personaxe curioso, extravertido e tenaz”, ao conxunto da obra a través dunha ambientación colorista e vital.
A ilustradora italiana combina acrílicos con lapis e pasteis para dotar a imaxe de optimismo e humor, a través dunha gama cromática de cores cálidas, alegres. Destaca o uso de vermellos, laranxas e rosas, que contrastan cos ocres, propios do outono, e cos verdes do bosque onde vive o protagonista.
A disposición espacial e a galería de personaxes secundarios ofrecen amplas posibilidades de recreación visual para os cativos, que irán descubrindo novos detalles con cada lectura.
Unha proposta moi especial para encarar o inicio do curso e animar os nenos e os nenas a ver a escola como un lugar estimulante e divertido.
[Presentación editorial]