Puntuación: 1.8/5 (50 votos)
O meu avó Carmelo tiña un xardín. Cando eu era pequeno pasaba alí as tardes placidamente. No solpor, o meu avó contábame historias de terras afastadas, de lugares onde viaxaban as andoriñas ao acabar o verán.
–As andoriñas viaxan tanto, que xa aprenderon
a linguaxe das nubes –dicía o avó.
A figura do avó -cofre de historias remotas, gardián da memoria- soe deixar unha pegada indeleble. Dani Torrent réndelle unha homenaxe literaria e artística a un dos seus referentes vitais, co eco sentimental dos veráns de antano
e das andoriñas, portadoras de chuvia e de noticias.
Por iso abundan neste álbum os elementos gráficos
relacionados co correo aéreo -como selos postais e garabatos manuscritos- que se integran con harmonía na ilustración.
“O meu avó Carmelo” é un relato que transmite nostalxia do pasado, cunha linguaxe evocadora, metafórica e sutil; que aborda con delicadeza o paso do tempo, a transición da nenez á etapa adulta, e a ausencia inevitable dun ser querido que permanece no recordo.
Dani Torrent combina a figura estilizada de paxaros, gatos e cabaliños do demo, coas redondeces da representación humana; altera as proporcións e introduce distintas perspectivas para darlles dinamismo ás imaxes, feitas a lapis, sombreadas
e coloreadas con tons suaves e efectos antigos. Destacan en especial, pola súa beleza e simbolismo, as metáforas visuais.
[Presentación editorial]