Puntuación: 1.9/5 (49 votos)
No pasado ano 2003, estiven traballando cos meus compañeiros do Instituto Galego de Información (San Marcos, Santiago de Compostela) no ciclo "Art i Compromís Social de la Cultura Gallega", proxectado para a Galería Sargadelos de Barcelona. Tratábase dunha serie de mostras que facían un percorrido polo compromiso da cultura galega partindo de Castelao e pasando por Luis Huici, Francisco Miguel, Cebreiro, Colmeiro, A. Souto, Maside, Seoane, Granell, Maruja Mallo, Eiroa, Compostela, U. Souto, Asorei, Cunqueiro, Castelao, Dieste, Manteiga, Blanco Amor, Lorenzo Varela, Núñez Búa, Arturo Cuadrado, Lois Tobío, Bal y Gay, Martínez Tomer, etc.
A cuarta destas exposicións estaba adicada a Luis Seoane e Carlos Maside, dous artistas unidos por unha grande amistade o que levou a Seoane a inaugurar, o 18 de maio do 1970, o primeiro Museo de Arte Contemporáneo de Galicia co nome do seu amigo. A realización desta mostra tróuxonos á memoria que o 5 de abril do 2004 cumpríanse 25 anos do falescemento de Seoane e xurdiu o proxecto (condicionando o tempo de elaboración pola data) de publicar as súas cartas dirixidas a Díaz Pardo entre os anos 1957 e 1979 e conservadas por el.
O presente traballo está basado unicamente na correspondencia que atopei. Este é un dato importante porque moitas veces hai saltos no tempo entre carta e carta que dificultan a comprensión dos feitos. Como ben se explica no "Limiar" estes vacíos, que se manifestan nos anos 1958,1959, 1975 e 1977, responden ás temporadas en que Luis e Isaac estaban xuntos, tanto en Galicia coma na Argentina.
Non é obxetivo deste estudio repetir a tan estudiada e reproducida biografía de Luis Seoane, recorrendo ano por ano todas as súas exposicións e publicacións, senón mostrar a través das súas cartas o transcurso destes 22 anos de relación e afondar nos mesmos temas nos que el se detén nas cartas. Consecuencia deste plantexamento é a estructura do libro que se presenta dividido en anos.
O punto de partida é o ano 1957. Seoane e Díaz Pardo mantiveran certa relación na Compostela dos anos 30, cando Luis visitaba o taller de Camilo Díaz Baliño, pai de Isaac, hai que recordar que a diferencia de idade entre ambos era de 10 anos (Seoane nace no 1910 e Díaz Pardo no 1920). Despois, a seguinte toma de contacto é cando Díaz Pardo, a partir de 1955, viaxa a Argentina para montar unha fábrica de cerámica en Magdalena e reencóntrase' co artista en Buenos Aires; a partir de aquí, comenzará esta relación epistolar que durará ata o ano 1979, no que falece Seoane.
Ó comezo de cada ano ofrécese un resume dos temas máis importantes tratados nas epístolas. Nos anos en que non hai cartas ou hai unha soa, inténtase suliñar o máis destacado ou completar a información, como no 1961, (con só unha carta), onde se inclúe unha entrevista de Gabriel Torrallardona a Seoane recollida na audición radial de "Galicia Emigrante" de outubro de 1961.
[nota da autora á edición]