Puntuación: 1.7/5 (37 votos)
Os sete irmáns chineses… eran seis.
Aínda que, ao principio desta historia, só había cinco.
Vivían preto do mar.
Ninguén os podía distinguir, porque eran todos iguais.
Para non confundirse,
súa nai chamáballes Li a todos.
Con esta singular exposición dá comezo Os sete irmáns chineses. Esta adaptación de Rodolfo Castro conta coa orixinal proposta plástica de André da Loba, nun estilo afastado —e no por iso menos sorprendente— do amosado no seu primeiro traballo con OQO editora, O oso e o corvo, Premio Visual de Deseño de Libros 2008 na categoría de ilustración.
Ao contrario do que puidese facer pensar o inicio do relato, esta historia da tradición oral chinesa reforza a mensaxe de que, afortunadamente, non hai dúas persoas iguais. Asemade, lémbranos que todos temos capacidades ou habilidades que nos confiren unha personalidade propia e intransferible.
Co tempo, os irmáns Li foron capaces de facer cousas
que permitían diferencialos.
Li, o máis vello, era quen de tragar todo o mar.
O segundo Li tiña un pescozo de ferro.
O terceiro Li tiña pernas elásticas.
Ao cuarto Li, o lume non o queimaba.
O quinto Li podía aguantar a respiración durante moito tempo.
Aínda que todas as persoas teñen capacidades, en diferente grao, estas non son, habitualmente, de carácter sobrenatural. O sexto Li —sen ningún dos dons extraordinarios dos seus irmáns— marchara da casa en busca de fortuna.
É a experiencia ou o devir dos acontecementos o que provoca que se desenvolvan esas aptitudes e habilidades que, quizais, aflorarían con maior dificultade cando alguén está rodeado de individuos con destrezas incribles.
Este relato incide en que todos somos necesarios, pois a acción máis nimia ou espontánea pode ser a achega decisiva que resolva un problema.
[Presentación editorial]