«Unha das tentativas deste libro é seguirlle a pista, atravesar esas fronteiras cara a un e cara ao outro lado, cunha expectativa que mestura a do contrabandista que perdeu o seu grupo e a do vixía que pretende darlle caza. Nalgún momento desa persecución, o perseguidor cae tamén nas mitificacións e nos delirios nos que se lle aparece o perseguido, pasando as fronteiras unha e outra vez e sen poder distinguir cantas desas veces foron un soño e cantas seguían pegadas reais»
Mario Regueira ofrécenos en Lois Pereiro. Unha persecución a reflexión e a intelixente mirada dun ávido lector dos versos do poeta. O autor guíano, a partir deste entrecruzamento de camiños, por un roteiro que se traza arredor da figura de Lois Pereiro, unha persecución que nos achega unha visión nova e poliédrica, ao tempo que perspicaz e auténtica, do autor monfortino.
Porque pasados os fastos de maio e removidas xa a terras dos textos e dos estudos, das opinións e os relatorios, chega o momento dos lectores. A mirada de Mario reforza esta intención de conversa, no seu libro observaremos como ás veces a paixón de quen le traspasa os límites do escrito, e descubriremos ata que punto é interesante a conversa interior de quen se mira nuns versos e a conversa “exterior” de quen atopa con quen compartir o lido.
Libro heteroxéneo, posiciónase na fronteira da narrativa e da reflexión ensaística. Mario Regueira detense tanto na espreita analítica de quen explora unha obra literaria como na mirada admirada de quen persegue a un ídolo, e de quen tantas veces dialogou co autor a través dos seus textos. [Presentación editorial]