Desde un espírito arraigado no anarquismo ontolóxico, o autor norteamericano propón as TAZ (iniciais en inglés de «Zonas Temporalmente Autónomas») como modelo de comunidades libertarias. Comunidades mutantes en tanto que a súa realización non é permanente nin localizábel para o sistema, pois no momento en que unha delas poida ser nomeada debe desaparecer como tal para re-aparecer noutro lugar e con outra forma distinta. Hakim Bey insta ao nomadismo psíquico como base para calquera desenvolvemento das TAZ, e propón a idea de Revolta fronte á de Revolución, pois entende esta última como un proceso asimilado por un sistema que o utiliza ciclicamente para autolexitimarse. Este libro considérase na actualidade como un dos manifestos ou textos-fonte de moitos dos movementos sociais contemporáneos; aparte de incidir, dun xeito tremendo, nas dificultades que ten unha civilización en se erixir a si mesma de modo totalitario, sen caer -por case necesaria involución- nun proceso de autodevoración. O carácter entre místico e político que Hakim Bey entrega neste libro dálle un forte pulo creador que nos fai videnciar novas posibilidades sobre o ánimo humano, no seu intento de re-construír a comunidade habitábel.
Introdución de Anxo Rabuñal [Presentación editorial]