Puntuación: 1.8/5 (56 votos)
A cada corda que Zimbo cortaba,
o Monicrequeiro notaba como se rompían
os fíos que tensaban a súa alma.
Hai lazos que se deben romper para que outros ―como os que constrúe o afecto― non rompan nunca. Esta historia emotiva tanto na prosa lírica de Arturo Abad, como nas evocadoras ilustracións de Joanna Concejo mergúllase no doloroso que resulta deixar marchar as persoas que un quere.
Irse e deixar ir nada ten que ver con deixar de querer. Arturo Abad sitúa o lector a ambos os lados do espello e ofrece unha visión ecuánime da situación. Deste xeito, conmove por igual, tanto coa tristeza que lle xera ao boneco de cedro Zimbo a falta de liberdade, como coa aflición que lle provoca ao Monicrequeiro a marcha de quen estima como un fillo e que desexaría que permanecese sempre ao seu carón.
É doado comprender a frustración e a apatía de Zimbo pola súa actual vida: carente de autonomía e independencia. As posibilidades de desprazamento e coñecemento están limitadas polos fíos e polo manexo que fai o Monicrequeiro deles. Isto impídelle gozar plenamente do seu particular microcosmos, coñecer lugares, xente nova e poder experimentar por si mesmo.
Arturo Abad logra que o lector comparta con Zimbo estes anhelos, aínda que a privación de liberdade proveña da gaiola de ouro que supón os coidados e o agarimo do Monicrequeiro. Este feito reforza o carácter valente e de heroe do protagonista, que podería elixir unha existencia cómoda, onde todo lle é regalado, sen esforzos e preocupacións.
Unha situación vivida por heroes mitolóxicos, como Ulises coa bela ninfa Calipso, unha referencia literaria e unha actitude vital que non é casual por parte do autor e que xa adianta na fermosa dedicatoria: Para miña irmá Penélope, que preferiu deixar de coser e emprender a busca de Ítaca.
De igual xeito, o lector emociónase coa situación do que é abandonado. O texto traslada con tacto e tenrura o abatemento do Monicrequeiro para quen cada unha das súas criaturas de madeira son eses fillos que un pai desexa que non crezan nunca e permanezan baixo o seu cariño e coidado (os fíos), a risco non só de sobreprotexelos, senón de impedir a súa felicidade.
Este personaxe, lonxe de parecernos un carcereiro, esperta empatía pola súa capacidade de antepor os desexos de quen quere aos seus e saber poñerse no lugar do outro. Fórmula moi predicada, pero de difícil execución:
O Monicrequeiro sentiu o seu peito estremecer. —Non podo darche iso! –protestou. As aflixidas pupilas de Zimbo mirárono desde o fondo do escenario e o Monicrequeiro recordou que, para ser feliz, cómpre descubrir o que desexas.