Puntuación: 2.2/5 (54 votos)
Aquel home chegaba no mellor momento, porque Osiño non tiña ningunhas ganas de quedar na súa cova todo o inverno. Osiño, moi contento, exclamou: —Marcho na procura de aventuras! E foise co músico.
Osiño emprende ilusionado e cheo de expectativas esta aventura que non se trata só dun percorrido espazo-temporal, senón, principalmente, vital. As aventuras de Osiño é unha metáfora da vida, como adoita suceder cos relatos de viaxes.
Ao longo de todo un ano, o protagonista ―e con el, o lector― coñecerá diferentes lugares, descubrirá e afianzará o seu potencial e particular talento, fará novos amigos e, ante todo, cumprirá o seu soño: coñecer o mar.
Este periplo está cheo de encontros e tamén desencontros, como a vida mesma, aínda que non amargos: o músico quería ir cara ao norte e Osiño ao sur, cara ao mar, claro! Como non se puxeron de acordo, nunha encrucillada despedíronse e cada un marchou polo seu lado.
A ausencia de desgustos neste percorrido débese, sen dúbida, ao carácter feliz, vitalista e optimista de Osiño, que contaxia a aqueles con quen está alá por onde se atopa e que impregna toda a historia: Polo día traballaba nun hotel preto do mar. Andaban todos apurados, pero, con el na cociña, era imposible aburrirse no traballo.
As aventuras de Osiño é tamén unha viaxe de aprendizaxe e tránsito á madurez, con todo o que iso significa. Entre outras moitas cousas, o cambio de intereses e prioridades. Desta forma, ao principio do conto, son as abellas as que centran a súa atención: Despois de fartarse de mel, viu as abellas voando ao seu redor, e pensou: Que farán as abellas durante o inverno?
Nese momento estaba preocupado polo seu futuro próximo (hibernar), o que o leva a preguntarse: Que pasará no mundo mentres eu durmo? (de aí a interrogante Que farán as abellas?), o que acrecenta a súa necesidade de saber se hai algo mellor que se está perdendo e se a súa vida pode ser máis plena. Isto é o que o move a viaxar e coñecer mundo.
Con todo, cando regresa á casa ―máis maduro emocionalmente― e unha abella o esperta da sesta, e a pesar da proximidade de novo do inverno, non é isto o que centra a súa atención e pensamentos, senón unha linda Osiña. Acaba unha aventura e comeza outra. Así, ciclicamente, como as catro estacións, con importante protagonismo neste álbum. Cada unha delas, marca e contextualiza ―no texto ou imaxes― cada etapa da viaxe.
[Presentación editorial]