As razóns que levan a Patiño (Monforte de Lemos, 1957) a interesarse por Pereiro (Monforte de Lemos, 1958) van máis alá do interese poético: enraízanse na súa propia traxectoria existencial e nas experiencias que ambos compartiron. As súas colaboracións iniciáronse a mediados dos anos setenta con Loia, lendaria revista que editaba en Madrid un grupo de galegos encabezado por Manuel Rivas e Xosé Manuel Pereira. Nesa publicación, confluíron tanto Patiño como a súa actual muller -a tamén Pintora Menchu Lamas-, ademais de Lois Pereiro, que en Loia presenta por vez primeira os seus poemas ao público. O libro que agora publica Espiral Maior inclúen cinco retratos de Pereiro realizados por Patiño e recupera outro retrato antigo de Reimundo Patiño, que a familia gardaba. Dese xeito, a obra mestura o grande acopio de datos biográficos coa lembranza da xeración roubada pola Sida nunha cidade en plena reconversión industrial durante os anos oitenta. E, por suposto, engade as reflexións téroicas sobre o autor monfortino e a espiral creadora que resulta tras ler os seus poemas. Patiño tenta levar a cabo unha radiografía intensa na que desvelar a composición do magma onde Pereiro rebentaba os seus procesos de expresión, a súa "dramática constelación persoal", a súa fascinación pola beleza, a súa ironía e desacougo. Convertido xa no poeta referente da denominada Xeración dos 80, Pereiro abrolla da man de Antón Patiño como unha voz que reflicte "o estado atmosférico da mente", unha voz que "chega ata a beira do silencio" porque nel "a palabra nace do silencio e volve a el".