Puntuación: 2.0/5 (37 votos)
O avó de Ramiro era o encargado dunha
biblioteca moi antiga que había no medio
do bosque. Un día, Ramiro acompañou o seu avó
e levou consido o seu amigo, o peixe vermello.
Era a primeira vez que o neno entraba
na biblioteca e estaba abraiado por aquelas
enormes salas cheas de libros. Mirou todos
e cada un dos estantes e non deixou ningún
curruncho sen explorar...
É posible que un peixe desapareza dentro dun libro? É posible que un neno se mergulle nun libro para salvar a un peixe? Cando un neno e un peixe entran nunha biblioteca no medio dun bosque, calquera cousa pode acontecer.
A difusa fronteira entre a realidade e a ficción está presente neste álbum de coidada edición e fermosa proposta estética, con tonalidades ocres a base de tintas e pluma, onde destacan as pinceladas vermellas dos elementos que centran
a atención da historia. Son ilustracións estimulantes que case non precisan palabras. É, precisamente, no momento máis emocionante da aventura, cando prescinde do texto e o
relato plásmase só con imaxes.
Nunha segunda lectura, “O peixe vermello” presenta a biblioteca como o templo do saber, un espazo acolledor aberto á imaxinación e á ensoñación. A nivel formal, Taeeun Yoo emprega recursos cinematográficos ao combinar na
mesma imaxe diversas secuencias dunha mesma escea, e desenvolve maxistralmente o efecto de facer caer o protagonista -e con el o lector- dentro do propio libro.
Este é o primeiro dos seis libros que publicou a ilustradora coreano-americana Taeeun Yoo. Naceu en Corea e creceu en Seúl na casa de campo dos seus avós. Dende pequena estivo moi en contacto cos costumes do seu país. Estudou pintura
coreana na Universidade do seu país natal, pero mudouse a Nova York para graduarse en Ilustración na Escola de Artes Visuais. Realizou os seus primeiros traballos para público infantil coa técnica do gravado. Actualmente reside en Nova
York.
[Presentación editorial]