Puntuación: 2.0/5 (49 votos)
Noah Barleywater saíu da casa ben cedo pola
mañá, antes de o sol saír, antes de os cans
acordaren, antes de o orballo parar de caer
sobre os campos.
Baixou da cama, vestiuse amodo coa roupa
que deixara preparada o día anterior e baixou
en silencio polas escaleiras aguantando
a respiración. Había tres chanzos que renxían
nos puntos onde a madeira non encaixaba ben,
de xeito que tivo que pisar con pés de la sobre
eles co fin de facer o menor ruído posible...
Aos seus oito anos, Noah pensa que é máis doado facerlles fronte aos seus problemas se non pensa neles. E por iso escapa da casa. Por un camiño inexplorado a través da fraga. Non tarda en chegar a unha tenda. Pero non se trata dunha tenda normal. É unha tenda de xoguetes cuns
incribles bonecos cargados de maxia. E dentro dela Noah encóntrase cun artesán ben raro; un home que ten unha historia que contar, chea de aventuras, prodixios e promesas rotas. Ese home guiará a Noah nunha viaxe que lle cambiará a vida.
“Noah Barleywater escapa da casa” é un conto de fadas, como o describiu o propio John Boyne, que por
primeira vez escribe unha novela non histórica. O autor considerouse “moi afortunado” por contar co seu compatriota Oliver Jeffers (Irlanda, 1977) no deseño gráfico do libro. Jeffers é deseñador, ilustrador e escritor, graduado en Comunicación Visual na Universidade do Ulster. As súas obras exhibíronse en Nova York, Dublín, Londres, Sydney, Washington e Belfast, entre outras cidades de Norteamérica e de Europa. Entre outros galardóns, recibiu os premios Nestlé (2006), Blue Peter da BBC (2006), e Irish Book (2007).
[Presentación editorial]