A experiencia de Marcel Proust como lector é fundamental tanto na concepción literaria coma na escritura de Na procura do tempo perdido. Por primeira vez traducidos para o galego, reúnense neste libro dous textos nos que a lectura como comunicación en ausencia se confronta con outras formas de comunicación nas que a presenza se impón ou nas que se simula mediante a técnica. Proust concibe a lectura e, polo tanto, a escritura, como a percepción desa distancia indicada polo texto. A distancia crítica que permite percibir o mundo con outros ollos, pensalo como o que queda despois da perda sinalada polo tempo. Nese senso incide o ensaio introdutorio de Carlos Lema, quen tamén se encarga da tradución e edición dos textos deste volume. [Presentación editorial]