A orixe da lenda do vákner no territorio próximo a Cee e Fisterra xa foi estudada exhaustivamente, especialmente polo investigador Fernando Alonso Romero. Lonxe de desestimar as súas conclusións ao respecto, neste traballo propońemos unha alternativa que ata o momento non semella ter sido considerada, e que relaciona ao misterioso vákner cunha das criaturas máis cativadoras da mitoloxía occidental.
Para esta análise, partiremos dunha hipótese inicial: a posibilidade de que a lenda galega do vákner se referise nos seus estadíos iniciais a un dragón. Para establecer esta hipótese, tivemos en conta a máis que particular semellanza etimolóxica entre o nome vákner e o nome do dragón máis famoso da cultura xermánica e escandinava, Fáfner. Tendo en conta as relacións históricas entre o territorio do noroeste peninsular e outras culturas e os numerosos paralelos que existen entre as lendas de distintos pobos europeos, intentaremos demostrar que esta é unha hipótese plausible. [Presentación editorial]