Puntuación: 2.3/5 (56 votos)
O novo rexente herdou un reino inmenso, con ducados, marquesados, territorios de ultramar… —E que palacio! –dicía a xente. Herdou tamén unha débeda de cen mil moedas de ouro cun perigoso cabaleiro da fronteira: o cabaleiro Negro. Seu pai, o vello rei, sempre tivera as mans furadas (un pillabán, para que nos imos enganar!).
—Estou negro! –protestou o cabaleiro Negro diante do novo rei–. Teu pai debíame cen mil moedas de ouro.
Así que ou pagas ou cobras! –ameazou levantando a súa espada–.
A historia dun rei en dificultades non é nova, tampouco que o monarca decida recorrer a un habilidoso espadachín ou valente cabaleiro para acabar cos seus problemas, tal e como sucede no relato de Roberto Malo e Francisco Javier Mateos. Ao longo do álbum, hai sitio tamén para ogros, trasnos e maxia.
Con todo, esta historia pouco ten de conto tradicional: nin o é no ton, nin na linguaxe do narrador e dos personaxes ―ateigados de xiros coloquiais e actuais― nin tampouco no desenvolvemento da trama. Neste relato pronto descubrimos que o papel do heroe non está representado polo rei, tampouco polo malvado cabaleiro Negro nin por Dick Van Dyke e a súa prodixiosa espada.
Tal como adianta o título, a valente heroína é a nai de Dick Van Dyke. A pesar de que o seu personaxe se corresponde co estereotipo máis clásico: sobreprotectora, coidadora, conselleira... tamén recolle o ton irreverente do conto.
Así, nada ten que ver o seu comportamento coa actitude pasiva coa que se caracterizou a moitos personaxes femininos ―tanto a nais, esposas ou prometidas― nos innumerables relatos de duelos entre cabaleiros.
Á proxenitora de Dick Van Dyke non lle falta iniciativa, valentía e nobreza no carácter; valores que definen a calquera heroe clásico, aínda que ben se poden atribuír a moitas nais, sexan estas da época dos cabaleiros e reinados, ou da era dos videoxogos e das redes sociais.
Nos contos tradicionais, a forza que move o heroe a actuar así ten a súa orixe no amor, habitualmente da amada. No de Roberto Malo e Francisco Javier Mateos tamén é este sentimento o que alimenta a coraxe da protagonista. No entanto, trátase do amor que sente unha nai por un fillo.
[Presentación editorial]