Cando Robin Donegan espertou en terras leonesas e viu aquela cantimplora do seu pai arredor do seu pescozo comprendeu que fora abandonado polo exército inglés de Sir John Moore que, perseguido polas tropas francesas, iniciaba a súa retirada camiño do porto da Coruña. Dende entón este afouto inglesiño de trece anos emprenderá unha longa viaxe na procura de “The Corunna boats” na que contará coa axuda, a protección e a amizade da familia do xitano Marcial. Unha viaxe na que coñecerá as penurias e os horrores daquela guerra da francesada, librada en Galicia hai case douscentos anos, e na que ao seu remate deberá escoller a rota que oriente a súa vida. Xelís de Toro ofrece unha novela de trasfondo histórico, de indubidable carácter iniciático, dirixida ao público xuvenil, onde se abordan os grandes temas e cuestións que interrogan aos mozos de todos os tempos: o amor, a amizade, a familia, o mellor camiño para dirixir a súa vida. [presentación editorial]