Puntuación: 1.8/5 (35 votos)
O crocodilo abriu a boca, chea de dentes enormes e afiados, e o paxariño comezou a voar…
—Para! –soprou o vento.
—Non sigas! –saltou o canguro.
—Frea! –chapuzou o lago.
—É unha tolería! –exclamou o coala.
—Cabeza tola! –picouno a avestruz.
—Nooonnn…!
–berraron todos.
Dun modo divertido, Pilú Pilú! achega os pequenos á posible orixe da relación real entre os crocodilos e os paxaros pluviais, máis coñecidos como corredores exipcios. Esta ave límpalles a boca de restos de comida, de parasitos coma samesugas e outros invertebrados.
Este pequeno paxaro cumpre tamén a función de gardián; grazas ao seu canto ―o recorrente Pilú Pilú! da historia que lle dá nome ao conto― avisa os crocodilos de posibles perigos. Como contrapartida, ten garantido alimento todo o ano.
Na súa primeira colaboración para OQO editora, Susanna Isern recorre ao estilo clásico dos contos para recrear a orixe desta simbiose entre especies dunha forma graciosa e amena.
Deste xeito, a historia bota a andar coa tradicional estrutura acumulativa:
Escondido naquel recuncho tan apartado, en terra firme e xunto ao lago… Un niño!
E entre as pallas… Un paxariño!
A través desta especie de matrioska sitúase o lector no lugar da acción e preséntanselle os dous protagonistas: un pequeno paxaro e un crocodilo na selva.
Cada tarde, despois de comer, o crocodilo deitábase ao sol e, cos ollos cheos de bágoas, miraba ao ceo e suspiraba: AAAIII…!
Cada tarde, o paxariño miraba con curiosidade o crocodilo.
—Que lle pasará? –preguntábase.
Esta incógnita é a que leva o pequeno paxaro a consultar a cada un dos animais da selva para resolver a orixe do estado do réptil. Unhas pescudas das que é partícipe o lector grazas á narración da autora catalá. A través deste periplo os nenos e as nenas poderán coñecer outros animais da selva (coala, avestruz e canguro), á vez que divertirse coas súas enxeñosas respostas e especulacións.
Con todo, o camiño máis fiable para descubrir o que sucede adoita ser o máis curto. No entanto, ás veces necesitamos perdernos por outros máis longos para chegar a esta conclusión. Algo habitual en toda aprendizaxe. E isto é o que lle sucede á nosa diminuta e nada medorenta ave.
O seu tamaño non lle impide arriscarse e o seu carácter inocente e confiado non se mostra como un obstáculo para lograr sobrevivir nun mundo hostil como é a selva, todo o contrario.
A autora destaca que intentou transmitir neste álbum a mensaxe de que “non hai que subestimar os demais, por pouca cousa que parezan”. Por iso ao final, é un “pequeno e indefenso” paxaro o que resolve o problema dun “enorme e temible” crocodilo.
[Presentación editorial]