Sotelo Blanco Edicións publica, na súa colección de Medusa Narrativa, Deus xogando aos dados de Fernando Méndez. Premio Risco de Creación Literaria 2010
Un sacerdote galego desaparecido hai vinte anos, altas xerarquías eclesiásticas implicadas no tráfico de ouro nazi, mafiosos e oportunistas que buscan dar o golpe da súa vida e catro escritores de fama internacional. Así se reconstrúe Deus xogando aos dados, que asenta a súa trama no feito histórico de que España recibiu entre os anos 1942 e 1944 máis de 5.000 lingotes de ouro que os nazis obtiveron das moas, as xoias e demais pertenzas dos xudeus, segundo informes desclasificados do Departamento de Estado dos EE.UU. Este ouro manchado en sangue serviu para pagar os produtos que España enviaba a Alemaña durante a Segunda Guerra Mundial, entre eles volframio das minas galegas, que partían do porto de Vigo. [Presentación editorial]