“Os Ancares, a serra esquecida” recolle as vivencias dunha expedición de universitarios a Donís, parroquia do concello de Cervantes situada no corazón dos Ancares lugueses, onde se trasladou en 1968 o autor da obra, o xornalista e escritor Enrique de Arce, xunto cun reducido grupo de estudantes de medicina da Universidade de Santiago de Compostela.
Nun relato xornalístico (publicado orixinalmente en El Ideal Gallego), con pinceladas de ironía, reflexión e crítica, Arce describe nesta obra a marxinal situación que vivían naquel tempo os habitantes das aldeas dos Ancares, en boa parte por mor da súa localización xeográfica e a carencia de estradas. O volume amosa deste xeito escenas conmovedoras que retratan a realidade vivida por unha serra tantas veces esquecida e rescata para as xeracións presentes e futuras un anaco da nosa historia recente.