Puntuación: 2.3/5 (43 votos)
O gran Meaulnes (1913)
A novela acadou axiña un éxito enorme. Tivo numerosas reedicións e, poucos anos despois de remata-la guerra europea e da morte do autor, acada a consideración de obra clásica da literatura universal.
Nun proceso de oito anos de escrita e de fonda reflexión, Fournier foi recreando en
O gran Meaulnes a vida e as ansias espirituais da súa adolescencia, dende a visión dun adulto re¬flexivo. Narrada en primeira persoa, a novela revive experiencias do pasado, vividas ou simplemente ansiadas. E para contalas crea dous personaxes, Francois e Meaulnes, que representan o seu
alter ego. A través da relación destes adolescentes, Fournier vai mostrando os sentimentos de amizade, as súas sensacións e impresións ante a paisaxe e o amor que agromaba no seu corazón. Como François Seurel, Fournier é fillo de mestres de escola rural de orixe modesta. E autor e personaxes coinciden no apaixonado amor pola paisaxe dos campos da Sologne francesa. A transposición novelesca permítelle a Fournier facer unha re¬creación das vivencias máis íntimas sobre a amizade e as insatisfaccións vividas na adolescencia e a súa ansia do descoñecido, dándolles ós elementos biográficos da súa vida unha maior dimensión espiritual e poética.
Escribe unha historia de amizade e de amor chea de numerosos elementos autobiográficos. "Neste libro está todo o que son eu" (
Dans ce livre il y a tout moi), escribe o autor. E, efectivamente, Fournier converte o seu frustrado amor por Isabelle no asunto principal da novela, que trata sobre a busca ansiosa de felicidade. A protagonista, Yvonne de Galais, representará a Isabelle. Augustin Meaulnes, que o autor fai nacer o mesmo ano ca el e no lugar da Ferté-d'Angillon, un topónimo creado a partir dos reais de La Ferté-Saint-Aubin e de La Chapelle d'Angillon onde el nacera, representa os soños e as aventuras que lle gustaría ter vivido.
Mais
O gran Meaulnes non é só unha recreación do mundo dos adolescentes, trata con amplitude da vida cotiá no mundo rural do centro de Francia de fins do século XIX. Hai na novela detalladas descricións da vida dos campesiños daquela rexión, dos ruídos, dos olores e das vestimentas características da aldea. Nas páxinas da novela móstrase con habelencia o monótono transcorrer dos días no mundo rural, tan distintos dos da vida da cidade. Os domingos é o día de descanso. A xente vai á misa e, á saída ou á entrada das celebracións litúrxicas, concéntrase no adro para falar dos sucesos ocorridos, do tempo climatolóxico, das colleitas e da vida privada; os homes van pescar e logo xúntanse no bar a beber e falar, mentres as mulleres visitan fa¬miliares e amigas. Nos días de diario, a xente traballa arreo no campo e nas casas e o centro da vila está deserto. Son mostras da existencia de homes e mulleres regulada polo traballo e polo paso das estacións; seres simples e inocentes que desconfían de estraños e dos cambios producidos na rutina cotiá e tan semellantes nas súas vidas ó resto dos campesiños das distintas comunidades rurais de Europa.
[Fragmento do Limiar]