Puntuación: 1.7/5 (49 votos)
Os Enormes foron pasar o día na praia. Saltaron as ondas, fixeron castelos de area, buscaron cunchas e xogaron co papaventos. Cando chegou a hora da comida, os cinco sentaron baixo o parasol e, nun abrir e cerrar de ollos, devoraron os bocadillos. Entón Papá dixo: —Agora imos durmir a sesta.
Grande, Mediano e Pequeno deitáronse nas toallas.
Pequeno queixouse: —Non podemos durmir se non nos contas un conto.
Os nenos sempre lacazanean á hora de durmir, sexan da familia dos Enormes, ou dos humanos. Ante estas situacións, un conto é o mellor aliado.
Con todo, non a todos nos atrapa a mesma historia e cómpre personalizalas e adecuar o relato ao interese de cada un: Por que hai ondas no mar? Por que os peixes son de cores? Quen cura os animais do mar? ou Por que as nubes teñen formas?
Pep Bruno ―colaborador habitual de OQO editora (A cabra boba, Libro de contar, Pétala,A noite das mudanzas e A casa da miña avoa)― conta nesta cuádrupla adaptación coa brillante colaboración das ilustracións de Natalie Pudalov.
O relato de Pep Bruno alterna o plano real (Papá Enorme na praia contándolle contos á súa familia mentres un a un van quedando durmidos) e o ficticio (a recreación minuciosa de cada historia para Grande, Mediano e Pequeno).
As ilustracións fanlle chiscadelas a un lector cómplice e atento, capaz de descubrir, por exemplo, como a personaxe dun dos contos de Pai Enorme, Pilula, é idéntica, canto á súa caracterización, a Nai Enorme.
A todo este traballo, sumou a súa conseguida pretensión de “inxectarlle unha dose de humor” ao texto. Deste xeito, o lector gozará topándose con divertidas estampas como as que ofrece o picapeixe que ten un caracol como animal de compañía. En definitiva, un álbum cheo de contos e fantasía, ingrediente sempre imprescindible.
E isto sábeo Pai Enorme e todos os pais do mundo.
[Presentación editorial]