Puntuación: 1.8/5 (46 votos)
O marechal Pardo de Zela preséntase como un dos mitos con maior forza no imaxinario colectivo da nosa comunidade. Desde mundos tan dispares como son o nobiliarismo aristocratista e fidalguista e o independentismo de xorne máis progresista e esquerdista, o seu nome e a súa proxección histórica resúmense como dous dos piares máis fortes: non hai texto nobiliar galego onde non se procure a súa sona, onde as familias alí compiladas non traten de se conectaren co seu sangue, con algo que moi ben poderiamos referir como un empeño por se faceren debedoras dun seminalismo quizais máis dirixido á súa muller (dona Isabel de Castro Ossorio, descendente da mesma casa real galega), mais en todo caso responsábel da construción dun dos mitos do parnaso fidalgo da nación. Mais por se isto fose pouco, desde os seus mesmos momentos constitutivos, e quizais porque boa parte dos individuos aos que debemos as súas manifestacións, o galeguismo —ora rexionalista, ora nacionalista— insistentemente quixo louvar a figura do militar asasinado por orde dos reis da Castela no Mondoñedo de 1483. Xaora nos mesmos albores do século XXI, é ao nacionalismo de carácter independentista a quen debemos o feito de constituír o 17 de decembro, día daquel brutal desenlace, como un dos fitos nacionais galegos.
Literatura pardozeliana. Brandanismo e sebastianismo nunha nación a liberar: o mito e o cronotopo do marechal na literatura galega, porén, é un estudo que faltaba na crítica literaria galega. Nada semellante se tiña feito con anterioridade. Fóra de louvanzas de xínea, fóra de rescates ideoloxicamente dirixidos e/ou dirixistas, nesta obra encáixase tanto a figura do Pero Pardo de Zela, un dos fillos do alcalde de Viveiro nos comezos do século XV, un dos cabaleiros malfeitores da levantadiza Galiza daquela centuria; como a daquel que o pobo galego coñece como «o mariscal», que ocupa un dos chanzos máis sobranceiros do sebastianismo brandanista de máis carácter nacional.
^[Presentación editorial]