Xan é pequeno e gordecho, comellón e durmiñoco. Pericán é máis alto, come pouco e dorme menos. Xan e Pericán son deses amigos que sempre se perden nos camiños. Un día atopan un buraco no chan que os leva a unha cova con tres portas pequerrechas. A primeira era unha porta amarela cun cartel que poñía: “Aquí é onde comeza todo”. A segunda era unha porta verde que poñía con letras grandes. “Se entras, nunca te perdes”. A última era encarnada e tiña un sorriso pintado no que non poñía nada. A través das tres portas, Xan e Pericán coñecen a Anacleta que anda en bicicleta; ao señor Comendador, que vai en tractor e toca o tambor; a don Torcuato, o que vende vasoiras e amaña os zapatos; a don Claudio, médico de bruxas, xigantes e ananos…
Xan e Pericán de Daniel Ameixeiro é unha narración que, aproveitando a estrutura dos contos acumulativos tradicionais, permite aos lectores avanzados de sete anos en diante unha viaxe polas tres portas da fantasía. Ao xeito da Alicia de Carroll, Xan e Pericán, os dous amigos caen no burato da imaxinación que os ha levar a coñecer personaxes máxicos e a superar probas nas que deben poñer en xogo todas as súas mellores habilidades. As espléndidas ilustracións a toda cor de Andrés Meixide realzan este texto, finalista do Premio Merlín de literatura Infantil 2003. `presentación editorial]