Puntuación: 2.0/5 (41 votos)
“Pequena Lúa” reflicte como é o carácter dos nenos nos seus primeiros anos, cando as palabras empezan a agromar na súa boca, cando desenvolven os sentidos e a percepción do mundo que os rodea, cando queren chamar a atención dos demais ante aquilo que a eles mesmos lles chama a atención, cando comezan a amosar unha enerxía rebordante e son incansables.
Antes de que poida asimilar que o día se divide en mañá, tarde e noite, e que hai un tempo para xogar, pero tamén un tempo para descansar, Bubú fíxase na lúa. Actúa por repetición, tanto cos seus xestos como coas súas palabras; é a súa maneira incipiente de comunicarse e expresarse,independentemente de que os demais poidan seguir ou non o seu ritmo. As ovellas, o parrulo, o elefante, o canguro ou o moucho completan esta fábula tenra e fermosa.
Ao igual que no álbum desta mesma autora titulado “Onde van os bebés?”, editado tamén por KALANDRAKA, as ilustracións reforzan o carácter entrañable da historia, con debuxos de tons suaves a base de lapis de cor e acuarela, sobre un papel de textura vexetal, moi adecuado para crear un ambiente doce e envolvente.
[Presentación editorial]