Puntuación: 1.9/5 (60 votos)
O profesor Aristítoles (Tito para os amigos) unha noite viu na televisión un programa
«científico» no que aparecía un señor que tiña na parede da súa casa unha mancha de humidade co retrato dun xogador de fútbol, logo apareceu unha señora dicindo que convivía coa pantasma do pirata Barbanegra e por último falou unha familia que afirmaba soportar todas as noites o espírito do avó a cantar rancheiras. «A todos estes fenómenos pódeselles dar unha explicación científica», berrou irado o profesor. Para dar cabo a tanta fábula e enganos o profesor Aristítoles (Tito para os amigos), realizou unha expedición polo interior da súa casa que durou dous anos.
Este libro póstumo de Pablo Prestifilippo evocaralle ao lector o humor surrealista, a imaxinación rebordante e a inesgotable fantasía do autor de “Manual de calcetíns salvaxes” e “Instrucións para espertar a unha cadeira durmida”. No primeiro atraía a atención dos lectores coa historia dunha prenda aparentemente anódina, que cobraba vida propia. Seguiulle un relato que se achegaba ás raíces, aos usos e mesmo á psicoloxía doutro elemento habitual no
noso contorno cotiá: a cadeira.
En “Catálogo de obxectos rebuldeiros”, Prestifilippo quería expór o seu particular universo de instrumentos e utensilios cos que compartía o seu tempo; elementos que ás demais
persoas lles pasarían desapercibidos pero que, na súa imaxinación, tiñan outra faceta máis divertida: escaleiras de caracol e luvas (bechos nómades); cadeiras e camas(bechos das cortes); xabóns, esponxas e billas (bechos acuáticos); reloxos de area e calcetíns (bechos territoriais); dentaduras postizas e espellos (bechos desarraigados); panos (becho á parte).
Fiel ao seu estilo inconfundible, cheo de sentido do humor, Prestifilippo deixounos outra das súas obras nonsense que rezuma surrealismo, un divertido caos de ideas e cores que nos invita a ver os obxectos que nos rodean con outros ollos, adoptalos como mascotas, entablar diálogo con eles, domesticalos ou deixarnos domesticar no seu ambiente, comprendelos e, en definitiva, establecer as regras dunha convivencia necesaria
e mutuamente enriquecedora.
[Presentación editorial]