Puntuación: 2.0/5 (54 votos)
Estes dous volumes de Contos prodixiosos completan a colección Cabalo buligán, nacida hai cinco anos para recuperar e actualizar o conto popular de tradición oral galego. Preparados como as anteriores entregas polos escritores lucenses Xosé Miranda e Antonio Reigosa, a partir de versións orais existentes na actualidade, estes contos prodixiosos dan conta de algo ou alguén extraordinario que intervén na breve historia que refiren. Ás veces, o prodixio, a marabilla, é obra dun ser sobrenatural; outras, en cambio, é produto da habilidade e da capacidade dun personaxe listo que supera a situación con intelixencia. Sempre, en todo caso, como sinalan os autores, será o lector o que faga posible o prodixio do que se fala.
O segundo volume, Contos prodixiosos II, que completa a vintena de entregas de Cabalo buligán, pon a disposición dos lectores contos que, dentro da clase de contos fantásticos, pertencen a unha nova categoría, a dos chamados relixiosos, pois son sempre protagonizados por Deus, por Xesús, polos santos e polo demo. Con todo, baixo a superficie pía destes contos, estásenos contando algo ben semellante o que se estaban contando nos de maxia, marabillosos, fantásticos ou de encantamento. Son estes, pois, estes os contos relixiosos de Cristo e san Pedro peregrinos en Galicia. O volume ilustrado por Chus Ferrín, inclúe o conto “o vello e as lampadiñas da vida”, preparado por Antonio Reigosa e unha serie doutros máis breves, reescritos por Xosé Miranda, como “Cristo e san Pedro en Galicia”, “Os tres desexos”, “A fonte no cu do lobo”, “o ladrón transformado en asno”, “o pecador resucitado”, “A devota e o blasfemo”, “Por qué é calvo san Pedro”, “Por qué a lúa está marxada”, “As tres rosas” ou “A fuxida de Exipto”.
[presentación editorial]