Puntuación: 2.3/5 (59 votos)
“...Facemos un chamamento ás novas
xeracións para revitalizaren e transmitiren
o herdo da Resistencia e os seus ideais.
Nós dicímoslles: tomade o relevo,
indignádevos!
Os responsábeis políticos, económicos
e intelectuais, e o conxunto da sociedade,
non deben renderse nin deixarse
amedrentar pola actual ditadura
internacional dos mercados financeiros,
que ameaza a paz e a democracia”.
“Indignádevos!”, o opúsculo de Stéphane Hessel do que se venderon máis de dous millóns de exemplares en Francia, tamén se pode ler en galego. O escritor Manuel Rivas asina o prólogo desta obra directa, reivindicativa e axitadora, cuxo autor, un veterán supervivente da barbarie nazi, se dirixe -aos seus recios 93 anos- á sociedade en xeral, e á mocidade en particular, para que reaccione ante a inxusta realidade social, económica, política e medioambiental.
“...O primeiro valor do texto é ese rescate das palabras. Das palabras que denuncian o
espolio da condición humana, a subtracción dos avances e conquistas sociais. E das palabras que nos convocan, que nomean, como a liberdade e a xustiza, os máis preciosos dons, e que constitúen o núcleo programático do que poderiamos chamar partido da humanidade. Esa dobre condición, a de denuncia, mais tamén de enerxía alternativa, é o
que sitúa a Indignádevos! na estirpe dos mellores textos vindicativos, ese tipo de epístolas necesarias que a humanidade se dirixe a si mesma en intres históricos...”.
(Manuel Rivas).
Para Stéphane Hessel sobran os motivos para chamar á indignación colectiva, á desobediencia e á resistencia. Non contribuiu á loita que permitiu acadar tantas conquistas sociais na segunda metade do século pasado, para que todos eses avances se derrubaran dende a década do 2000 en diante. O autor culpa ao poder financeiro de devalar o equilibrio da democracia moderna, con todos os seus valores e principios, provocando unha crise no mantemento do estado do benestar, a desconfianza na independencia da prensa, unha crecente fenda entre os máis podentes e os máis necesitados, e os dramas humanos derivados dos conflictos internacionais.
Fronte ao egoísmo e á competitividade, Hessel entrégalles aos lectores as bandeiras da liberdade e do compromiso. As súas palabras, cargadas de esperanza e de insurrección pacífica, son o antídoto contra a indiferenza.
[Presentación editorial]