Aomame é unha asasina que non deixa trazas nas súas vítimas, coma se finasen de morte natural. Tengo é un profesor e autor inédito ao que lle piden que reescriba unha novela abraiante mais imperfecta. E Fukaeri é unha estudante cuxos pais, membros dunha comuna chamada Amencer, levan sete anos desaparecidos.
A novela desenvólvese sobre o pano de fondo da historia contemporánea, das sectas relixiosas, do maltrato e da corrupción, un universo enrarecido no que o narrador escarabella para desvelar outra realidade oculta.
Traducida directamento do xaponés para o galego por Mona Imai e Gabriel Álvarez, 1Q84 é o terceiro título de Murakami publicado por Galaxia, que antes tirara do prelo a novela Tras do solpor e o libro Do que estou a falar cando falo de correr. [Presentación editorial]