Puntuación: 2.0/5 (77 votos)
A oportunidade de xestionar a edición da obra reunida de Farruco Sesto (1967-1995) xurdiu felizmente en maio de 2008 durante unha estadía en Caracas de quen isto asina. Para iso era preciso compilar as inencontrables obras temperás da resistencia en Venezuela e recuperar os escasos e espallados poemas daquel libro que se perdeu,
Achegamento aos trebellos (1970). Cumpría tamén incluír textos dispersos coma os dedicados ao mestre Celso Emilio tras a súa monte, sempre seguindo criterio de orde cronolóxica. Era necesario, por fin, engadir a obra dos anos 80 acrecentándolle os agardados libros inéditos ata completar un volu¬me coa obra poética en galego deste fascinante autor vigués, publicación testamentaria dun escritor largamente admirado pero talvez non tan presente para os lectores e lectoras máis mozas.
Por iniciativa propia, mais tamén a petición do autor, foille aplicado a todo o texto un proceso de actualización lingüística criteriosa que obviamente atopou maior dificultade canto maior era a distancia no tempo de produción. En compensación, o léxico enxebre —con frecuencia arcaico— das primeiras obras viría esvaecendo ao ritmo en que o avance dos anos facía sentir o lóxico efecto das décadas de influencia do castelán. En calquera caso, as modificacións lingüísticas derivadas do proceso de ac-tualización que impón o paso do tempo permitiron conservar a pátina das diferentes épocas e deixar intacta a lingua literaria dun texto autorizado polo poeta.
Conserváronse os limiares dos distintos libros tal cal foron publicados no seu día polar personalidades literarias —hoxe históricas— que os asinan. E incluíuse un glosario de notas que, esperamos, facilitará a lectura de termos de influencia foránea ou con menor rendemento na fala dos nosos días.
Velaquí, pois, este volume que comezaba a facerse necesario. Unha magnífica oportunidade para se asomar ao conxunto da obra dun Farruco Sesto recoñecido por moitos/as, enigmático aínda para outros/as, non doada —ata o de agora— de rastrexar na súa totalidade. Significa a perspectiva diacrónica dun dos nosos grandes autores nacidos na posguerra, pero traza, á vez, a evolución lingüística e o progreso dun pensamento: o do intelectual galeguista radicado a miles de quilómetros da patria, madurecendo ideas e resistindo sollos mentres exerce tamén un fondísimo compromiso político co seu país de adopción.
Acolles pois, lector, lectora, entre as túas mans o legado dunha historia de lealdade crítica, lúcido empeño e amor por unha lingua, unha literatura e un país.
[Fragmento do limiar de Yolanda Castaño]