Puntuación: 2.1/5 (49 votos)
A tristeza fíxose festa e a serpe negra vestiuse de cores e tocou as campás da voda: Sol casará cos tres! TAN, TAN, TAN! Sol casará cos tres!
A tradición oral é principalmente conservadora pero adoita sorprendernos con historias valentes e rompedoras como a deste álbum, no que Darabuc reinterpreta un conto popular. Recollido en títulos como O tres amigos ou Os tres maridos, o relato pivota sempre sobre a decisión dunha moza de quedar cos seus tres pretendentes, xa sexa porque así o sente ou porque en realidade non desexa casar.
Nas diferentes versións, esta elección adoita provocar un enfrontamento co pai, entendido como autoridade indiscutible, que envía aos candidatos a atopar obxectos marabillosos que resolvan por si sos a elección. O final da historia é moi distinto segundo a versión, pero con frecuencia elíxese a un cuarto candidato.
En Tres han de ser, Darabuc erixe á nai como defensora das relacións sentimentais convencionais e é ela quen se opón, xa que logo, á decisión a tres da súa filla. No entanto, finalmente acaba cedendo ás pretensións da súa primoxénita e móstrase flexible.
Deste xeito, o autor remarca así un atributo moi ligado a figura dos pais: comprensión e respecto polo que fai feliz aos seus fillos, por moi estraño que lles chegue a parecer:
Pola noite, a nai recolleu as cousas e deixou un círculo de catro copas na mesa. Estivo mirando para elas durante moito tempo, ata que de repente encolleuse de ombreiros e marchou. Os que a viron marchar contan que sorría.
Tres han de ser é unha historia para dialogar sobre o dereito a elixir e sobre como o amor imponse —ou debería facelo— sobre as discrepancias: un quere a súa familia aínda que non sempre a entenda.
[Presentación editorial]