Puntuación: 2.0/5 (43 votos)
Como podo dicirche que as persoas que queremos morren, nos deixa e se van? Como podo dicirche que o amor e a alegría forman parte da vida igual que a dor e a tristeza? (...) Como podo dicirche todo isto, miña nena?
Entón cóntoche unha historia.
En O tren, a pequena protagonista debe facer fronte á terrible perda da súa nai. O pai recorre a un relato para axudar a entender un feito tan doloroso como natural.
Os contos utilizáronse desde a antigüidade como portadores de coñecementos e instrumentos de compresión. O método de ensino a través do relato é moi efectivo, tal e como demostra a súa alta difusión e o emprego desta técnica narrativa por moitas tradicións espirituais.
O uso do conto con este fin didáctico e transmisor de verdades universais sería o equivalente ás parábolas no evanxeo, técnica que tamén se utiliza no Talmud, o Baghavad Gita, as Gatas de Zoroastro ou o Corán.
Na súa primeira colaboración con OQO, as italianas Silvia Santirosi e Chiara Carrer souberon introducir, tanto no texto como nas imaxes, a axeitada dose de tacto e delicadeza que a un tema deste calibre se lle esixe.
Así, nin a ilustradora recrea escenas tinxidas de dramatismo nin a autora recorre a mentiras piadosas para acaramelar a perda: cada noite achégaste á ventá a mirar a túa estrela, aquela que descubriches no ceo. Non lle resta escuridade á túa noite pero sempre estará aí.
O relato incide en que os nenos, do mesmo xeito que os adultos, necesitan tempo para asimilar unha perda que senten profundamente:
O tren está aí, sen moverse, papá. Escóitase o asubío do xefe da estación e as portas péchanse. Déixanme fora, soa. Non puiden subir ao tren. Había como un muro invisible que me impedía moverme. Abaneo o meu billete no aire. Póñome a berrar que teño que subir como sexa, aínda que sei que é tarde de máis. O tren vaise. Noite tras noite, non fago outra cousa que ver como desaparece tras unha curva.
Na súa ópera prima, Silvia Santirosi xoga co carga simbólica dos soños e do tren para abordar o temor que supón facer fronte a unha nova etapa vital e máis cando ven forzada por unha perda tan forte como a que vive a protagonista.
O tren nos soños é a imaxe da vida colectiva, social... Indica un proceso psíquico, unha toma de conciencia que arrastra a unha nova vida. Soñar con perder o tren vai acompañado de sentimentos de impotencia (para continuar a vida) e inseguridade. A evolución pode retrasarse por frustración, fracaso...
A estación é o punto de partida, un símbolo inconsciente. Hai que tomar unha nova dirección, estamos nun centro de circulación pero... cal é o camiño correcto? Coller o tren (en soños) indicaría superar unha etapa. A dificultade para subirse é a de integrarse na vida social que pode deberse, entre outras causas, ao illamento ou introversión.
Para dar vida a esta precoz aprendizaxe, a ilustradora italiana aposta por debuxos sinxelos cunha forte carga conceptual cos que pretende transmitir o medo, as dúbidas, incerteza inherentes ás “dificultades de vivir”. Temas polos que se decantou nos seus últimos traballos porque lle dan a posibilidade de explorar “o interior humano” nun mundo “con présas que empuxa cara a adiante, sen tempo de reflexionar”, un espazo que este álbum esixe e propicia.
[Presentación editorial]