Puntuación: 2.1/5 (55 votos)
Había lobos grandes e lobos pequenos. Lobos durmidos e lobos espertos. Lobos xigantes, lobos ananos... e lobos con máis de cen anos. Había lobos de todas as cores: verdes, azuis, vermellos… Había lobos con lentes e lobos con sombreiro. Lobos que escribían cartas, lobos trampulleiros e lobos que mexaban sobre un formigueiro. O conto estaba cheo de lobos!
Roberto Aliaga preséntanos neste relato un orixinal universo onde os lobos de todos os contos conviven xuntos á espera de ser chamados para o seu próximo acontecemento literario. Nesta especie de limbo, en que cada un se entretén a súa maneira, a alerta do Lobo Papón da falta de comida mobilízaos por un mesmo obxectivo e unha necesidade compartida: saciar a fame.
O percorrido dos lobos polas diferentes páxinas do álbum na procura de comida require a complicidade e interacción do lector, que debe estar atento e cos seus cinco sentidos ben espertos saltando de páxina en páxina.
Ritmo e frescura nesta proposta orixinal tanto no texto de Roberto Aliaga como na recreación que realiza Roger Olmos. “Unha vez lida e relida a historia, observei que non había ningún tipo de elemento espazo-temporal que localizase este conto cheo de lobos. Perfecto para min”, admite o ilustrador catalán, quen libre deste tipo de ataduras recrea un mundo ficticio “alegre e aloucado”.
Por este motivo, a entrada a este mundo de lobos de conto aseméllase á dun parque de atraccións. O ilustrador pretende que “asuste un pouco” o lector que se atopa a piques de mergullarse neste universo de plataformas, casas, pontes, esculturas que encaixan como un quebracabezas e que se parecen a recoñecibles escenarios cinematográficos futuristas.
Como contrapunto a unha portada de aparencia “algo agresiva”, Roger Olmos sitúa un lobiño tímido e curioso que se asoma ao exterior. Deste xeito, introduce a tenrura que inunda as ilustracións do conto e adianta a idea de que os seres que habitan nestas páxinas non son tan terribles.
Con este obxectivo, foxe dos tons escuros que serían máis apropiados para vestir a personaxes "malos" dos contos e aposta por unha paleta de pintura ao óleo de cores vistosas, que afianzan no lector a sensación de que está ante personaxes aos que non hai que temer.
[Presentación editorial]