Puntuación: 2.1/5 (47 votos)
Xoaquín Lorenzo Fernández (Ourense, 1907–Lobeira, 1989) foi unha das figuras máis destacadas da xeración do Seminario de Estudos Galegos e do núcleo histórico do galeguismo ourensán. Compañeiro de figuras como Otero Pedrayo, Vicente Risco, Florentino Cuevillas ou Xesús Ferro Couselo constituíu o último carballo da touza vizosa dunha xeración que tivo a Galicia como o seu único guieiro. Etnógrafo, arqueólogo, historiador, profesor, fotógrafo, debuxante, fundador do Museo do Pobo Galego, membro da Real Academia Galega, Xoaquín Lorenzo percorreu infatigablemente os camiños, vales e castros de Galicia procurando atopar a auténtica alma popular galega. Autor dun xigantesco esforzo pioneiro de síntese descritiva dos aspectos tecno-económicos da nosa cultura tradicional e da fala e literatura popular, recollidos en cento vinte e tres traballos monográficos e no seu amplo estudo sobre a Cultura Material editado no segundo volume da “Historia de Galiza” dirixida por Otero Pedrayo, a figura de Xoaquín Lorenzo é indispensable para entender o saber popular labrego e mariñeiro á piques de esmorecer diante das transformacións sociais producidas na segunda metade do século XX.
O presente volume, “Xoaquín Lorenzo. Vida e obra”, preparado por Marcos Valcárcel, constitúe unha achega, á vez divulgativa e rigorosa, sobre o percorrido biográfico e a obra dunha personalidade, homenaxeada no Día das Letras Galegas de 2004, que tivo por oficio o soño de descubrir as raíces máis fondas de Galicia.
[presentación editorial]